Saturday 27 de April de 2024

Xunta e concello de Zas completan reformas por importe de máis de 180.000 euros nos centros de saúde municipais


― O delegado territorial da Xunta na Coruña visita as obras de reforma nos centros de saúde de Zas

― As actuacións tiveron un orzamento de mais de 180.000 € e son froito de convenios de colaboración entre a Xunta e o concello de Zas ao tratarse de edificios de titularidade municipal

― Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 117 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 83.000 metros cadrados

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín e polo Xerente da área sanitaria de A Coruña, Luis Verde Remeseiro, supervisaron as obras de reforma dos centros de saúde desa localidade.

Polo que se refire ao centro de saúde de Zas e cun importe de case 49.000 euros as obras realizadas consistiron na renovación integral da cuberta así como na mellora da fachada, actuacións necesarias para o acondicionamento e mellora destas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo.

No consultorio de Baio leváronse a cabo obras de reforma e ampliación que ascenderon a 131.723 euros e, tal e como se recolle no informe achegado polo concello, trala reforma e ampliación o consultorio contará cunha superficie útil de 204 m2, o que supón aumentar a superficie actual en case 96 m2, permitindo contar con zona de acceso común, zona de admisión, aseos públicos, dúas zonas de sala de espera independentes para medicina xeral e outra para pediatría, unha zona privada de office-almacén e vestiario, e cinco consultas para medicina xeral, enfermería xeral, urxencias, pediatría e enfermería pediátrica.

As obras realizadas foron froito de sendos convenios de colaboración entre a Xunta e o Goberno Local ao tratarse de edificios de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción dos documentos técnicos necesarios para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

Colaboración cos concellos
A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez mais o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida- un 8%-. En particular o concello de Zas recibiu no 2023 a cantidade de 11.622 euros para financiar o mantemento do seu centro de saúde.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 mais de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 117 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 83.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están actualmente en marcha (Lalín, Porriño, Moaña e CIS Olimpia Valencia en Vigo). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 14 anos, máis de 130 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou mais de 1,2 millóns de euros para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal como este, asumindo os concellos a outra parte do gasto.

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Oleiros, Espasante-Ortigueira, Vilarmaior, Agualada-Coristanco, A Coruña (Novo Mesoiro), Sigüeiro-Oroso, As Somozas, Cambre-O Temple, Buño-Malpica, Santiago (Galeras), Arteixo (Villarodis), Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Milladoiro, Melide e Narón e reformáronse os de Cambre, Padrón, Ferrol-Serantes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira (pequenas obras de reforma), Mugardos e Bertamiráns.

Para continuar con este esforzo, no 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de A Coruña, permitiu xa a sinatura de convenios para a construción de novos centros en Abegondo (co proxecto arquitectónico xa redactado), A Coruña (Santa Lucía) ou Noia (co proxecto xa encomendado a AXI), así como para a transformación do centro de saúde de Carballo en Centro Integral de Saúde (con protocolo asinado).

A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65%, ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021, que contaba co fondo extraordinario COVID.